Faro Roncudo Percebeiro cabo Roncudo Cabo Roncudo Cruces do Roncudo Porto de Corme Corme nevado, 1956 Vistas Dunas da Barra Litoral Niñóns e porto de Santa Mariña. Vista aérea Praia de Ninóns Ponteceso de noite

José Manuel Ferreiro Chans, historiador

“Corme no corazón”

José Manuel Ferreiro Chans, presidente da AAVV de Corme

“Ahí vienen dos cormeños”, dicían os asturianos cando vían aló polo horizonte as velas dos pataches asomando coa beleza das súas perfectas formas que só un carpinteiro de ribeira de Cánduas ou do Freixo lle podían dar grazas ao seu centenario saber. Estes pataches ían cargados coa mellor madeira dos vales e montes de Bergantiños, madeira que baixaba polo esteiro do Anllóns en barcazas ata os areais da Arnela. Na rada de Corme era estibada por mans fortes e destras nas adegas destes barcos e tamén servían perfectamente para entubar as minas de carbón dos nosos irmáns asturianos.  

A importancia da mariña comercial en Corme tivo lugar desde finais do s. XIX ata os anos 60 do XX. Isto daba unha vida económica á comarca moi importante. O que isto escribe ten visto perto de vinte barcos na bahía, de arribada por mor do nordés. Isto suponía 200 homes traballando en Corme. A finais do s. XX había máis de 90 barcos pataches en Corme. Isto era cando tiñamos 4.000 habitantes.  

Non importaba a hora do día ou da noite, sempre había xente polas rúas porque á mercante hai que sumarlle a pesca de baixura que, aínda de menos importancia, tamén supoñía outra forte aportación económica. No ano 1934, saíron a poxa na lonxa de Corme 100.000 kg de lagosta e 175.000 kg de sardiña, entre outras especies. No ano 1890 había un barco chamado “De Carreira a América” que ía dúas veces ao ano a La Habana.  

Un recorda con agarimo estes tempos cando o pobo cheiraba a brea e a estopa, cando as casas se pintaban coas sobras de pintura dos barcos, cando nas concorridas rúas se oía dicir: “Adeus, tío Lelo”, “Adeus, tía Carmen” ou “Adeus, tío aquel” cando se descoñecía o nome de alguén. Aqueles sons que saían das tabernas formando cancións mariñeiras cantadas por aqueles homes curtidos polo sal e polo traballo e que, aínda así, polas súas gorxas saían as máis bonitas melodías de amor e de soidade.  

Non quero seguir falando do pasado, cómpre falar agora do futuro. Corme, con toda a súa historia é un potencial turístico de primeira magnitude porque ten o máis importante, a calidade humana da súa xente que viviu de e para o mar, sen o cal non se entendería Corme nin á súa xente. 

José Manuel Ferreiro Chans*
Setembro 2012 

* José Manuel Ferreiro Chans cedeu algúns dos documentos do seu arquivo persoal, como fotos antigos e documentos relacionados co almirante Mourelle de la Rúa, para a súa difusión a través deste proxecto "Ponteceso. Os Camiños do Mar".

Ligazóns

  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Ponteceso
© 2012 Ponteceso. Os Camiños do Mar