06-09-2012
Este xoves 6 de setembro tivo lugar na casa consistorial a primeira reunión grupal para empezar a dar forma á Rede de Dinamizadores Turísticos “Ponteceso. Os Camiños do Mar”. Á mesma, convocouse aos empresarios do sector turístico do municipio para explicarlles en que consistía esta iniciativa de dinamización turística e os beneficios que traerá para o sector a unión do colectivo e a súa adscrición ao proxecto. Promotores e empresarios compartiron impresións durante case tres horas no salón de plenos municipal e tamén falaron da próxima acción na que se verán envoltos. Trátase dunha excursión a Boiro o luns 17 de setembro para coñecer de primeira man a experiencia do destino turístico Arousa Norte.
A iniciativa “Ponteceso. Os Camiños do Mar” é unha acción de dinamización turística promovida polo Concello de Ponteceso (Costa da Morte, A Coruña) e cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca, a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a través do Grupo de Acción Costeira zona 3 - Costa da Morte (GAC 3).