19-10-2012
“Ponteceso. Os Camiños do Mar” é unha iniciativa turística que convida ao viaxeiro a gozar da súa visita dun xeito experiencial, é dicir, propón un achegamento ao territorio que vai máis aló do que poda ser a gastronomía, as praias ou a contemplación da paisaxe –que tamén están previstas-. O proxecto, que conta co financiamento dos fondos GAC, pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán.
Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco.
“Os Camiños do Mar” recolle –en formato audiovisual- testemuñas de vellos mariñeiros que, na primeira metade do século XX navegaban en barcos veleiros de gran porte levando e traendo mercadorías a través de rutas que unían a Costa da Morte con puntos coma Almería, Sevilla, Mazarrón, Cartaxena, Xixón,… Pero o turista tamén descubrirá o labor das mariscadoras do Anllóns, os riscos dos percebeiros ou o xeito no que se capturaban angulas ou a solla no esteiro do río.
A interpretación da paisaxe vén da man da natureza, con especial atención ao patrimonio ornitolóxico desta zona de Bergantiños, especialmente de aves migratorias que buscan refuxio e alimento nas beiras das ría de Corme e Laxe, coa enseada da Insua como punto de observación. O ecoturismo tamén chega da man das rutas que atravesan, por zonas acotadas, ecosistemas como a Barra do Anllóns, a aba do Monte Branco, xuncais e piñeirais, descubrindo singularidades da paisaxe dende ópticas como a botánica, a xeoloxía ou a fauna.
“Os Camiños do Mar” é un produto 24x7, é dicir, dispoñible 24 horas ao día e os sete días da semana. Grazas ao uso de ferramentas TIC, o proxecto ten a posibilidade de achegarse aos usuarios en calquera momento. Ademais dunha potente páxina web www.caminosdomar.com, presentada en galego, castelán, inglés, éuscaro e catalán, o proxecto creou un sitio específico para móbiles, www.ponteceso.mobi. Aquí poderase atopar todo tipo de arquivos multimedia como fotografías, vídeos, locucións ou textos que enriquecerán a visita. O acceso faise desde a propia ruta mediante a lectura dos diferentes códigos QR que hai emprazados en 30 puntos de interese. Grazas á tecnoloxía QR Ibeaken, una ferramenta que se está a empregar nos principais museos de Europa, o usuario só ten que escanear co seu móbil un pequeno código que lle descarga os contidos relacionados con ese lugar. Ademais, estes puntos de conexión, contan cun emisor de sinais NFC, un código que pode ser captado polos smartphones de nova xeración e que permite una maior axilidade á hora de acceder aos contidos. É a primeira vez que a tecnoloxía NFC se emprega en España para rutas de ecoturismo. O emprego desta tecnoloxía converte as rutas dos Camiños do Mar, nas primeiras rutas 2.0 da Costa da Morte, minimizando ademais o impacto no medio natural e vertebrando sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. Deste xeito, o visitante convértese in situ e con gran facilidade en intérprete do patrimonio local.
A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que nos leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.
Ademais da inversión realizada en elaboración de contidos audiovisuais, a confección dunha guía de turismo, material de promoción, a instalación de puntos de información multimedia e de divulgar as rutas, “Os Camiños do Mar” tamén permitiu o desenvolvemento dunha serie de accións formativas encamiñadas ao sector hostaleiro. Participaron en viaxes para coñecer outras experiencias en destinos similares, como é o caso de Arousa Norte, onde coñeceron e experimentaron o que se denomina Turismo Mariñeiro. Nesta acción, na que tamén tomaron parte as mariscadoras da Agrupación Río Anllóns ou percebeiras da confraría de Corme, púxose especial fincapé nas posibilidades de desenvolver novos produtos que ofertar aos turistas en Ponteceso e en Corme, promovendo así o emprendedurismo no eido do turismo. Os hostaleiros tamén participaron en rutas guiadas polos Camiños do Mar para coñecer as súas características e poder trasladarlle información aos visitantes.