Faro Roncudo Percebeiro cabo Roncudo Cabo Roncudo Cruces do Roncudo Porto de Corme Corme nevado, 1956 Vistas Dunas da Barra Litoral Niñóns e porto de Santa Mariña. Vista aérea Praia de Ninóns Ponteceso de noite

Corme Porto

  • Porto de Corme
  • Porto de Corme
  • Porto de Corme
  • Porto de Corme de noite
  • Praza da Ribeira, 1925
  • Praza da Ribeira, 2012
  • Porto de Corme
  • Vistas do porto de Corme desde A Facha
  • Fábrica de salgadura de sardiña na praia da Arnela

Porto de trascendencia para a navegación

O mar de Ponteceso e o de Corme en particular, é fecundo en bos e aguerridos mariñeiros. O calado deste porto fixo del un bo lugar para barcos de gran porte con respecto ao resto dos que se atopan no norte da Costa da Morte. Algunhas destas embarcacións dedicáronse á pesca de baixura, outras ao arrastre, ao transporte de mercadorías –madeira, area, caolín,…. En Corme chegaron a existir axentes consignatarios de buques, ademáis dun tráfico portuario moi fluído.

Porto de Corme

Desde tempos antigos, o mar e o porto foron motores de desenvolvemento da vila nas distintas actividades relacionadas co mar. “Corme sempre viviu do mar e para o mar.” Así describen José Ramón Varela e Eliseo Puñal Varela este núcleo mariñeiro no seu libro Corme. Historia de su mar, sus gentes y sus barcos (2012). Nesta publicación tamén se pode atopar extensa documentación sobre o pasado de Corme como gran porto comercial de “trascendencia para a navegación” e que incluso contou con práctico.

Así, ademais dos barcos de cabotaxe (embarcacións de pesca de baixura), nas fotos antigas son constantes os pataches e os costeiros, os balandros, os pailebotes e as traíñas enchendo a bahía. “Corme destacó históricamente por su dedicación al cabotaje. La gran mayoría de las gentes de Corme han vivido de la mercante y la mayoría de los barcos de Corme se dedicaron al transporte de mercancías. Asimismo, el gran número de patrones que tuvo Corme en el siglo XX lo eran de cabotaje”, sinala José Ramón Varela.

Chalanas no porto de Corme

O rexistro de barcos está repleto de embarcacións de gran porte, veleiros de madeira, motores de vapor,…. Nos rexistros lense nomes como o do "Airoso", un barco que en 1905 transportaba caolín desde Laxe a Bilbao; ou o veleiro Asunción, construído na Telleira, no municipio de Cabana. En Cánduas foi construido o buque de carga “Bergantiños”, un navío de madeira con 28 metros de eslora. Outro exemplo é o Rutilo, un cargueiro de pouco máis de 15 metros de eslora que transportaba o mineral que se recollía en Titania.




Desenvolvemento da industria local

Antiga fábrica de salgadura de sardiña

Ademais da navegación comercial, a economía de Corme basouse na pesca, no marisqueo e, sobre todo, na cabotaxe axudada polos labores agrarios que as súas mulleres levaban a cabo e tamén confeccionando encaixe de bolillos, sinalan José Ramón Varela e Eliseo Puñal Varela no libro Corme. Historia de su mar, sus gentes y sus barcos.

Os cormeláns souberon transformar a riqueza que lles brindaba o mar nun gran desenvolvemento para a industria e para a navegación. Nos comezos do s. XX converteuse no primeiro porto de España na exportación de madeira procedente dos bosques bergantiñáns e a partir de 1920, abríronse oito fábricas de salgadura de sardiña e tres secadoiros de congro.

Na actualidade, a pesca e o marisqueo son as actividades máis relevantes da economía local. O percebe e o ourizo son as especies máis importantes que saen para a súa poxa nas lonxas de Malpica ou da Coruña, ademais do polbo, da nécora, do congro e do xurelo. Delicias do mar que tamén se poden degustar nos locais hostaleiros da vila e en todo Ponteceso. Se estás en Corme a eso das oito da tarde, os veciños teñen un costume diario. Percorren cada un dos case quince bares locais para cumprir coa chamada "volta dos cortos" e tomar unha consumición en cada establecemento.

Pantaláns en Corme

Entre as embarcacións deportivas do peirao están as "planeadoras" dos percebeiros, os barcos de baixura –que veñen a porto todos os días- e un barco dedicado ao palagre de fondo que pesca congro. As bacas de arrastre xa non teñen aquí a súa base e as lanchas máis pequenas aproveitan o seu permiso para dedicarse a unha das cinco actividades permitidas segundo a época do ano: ourizo, miñoca, percebe, nasa e miños.

O futuro en Corme está orientado á pesca responsable e sostible que respecte as vedas, os tamaños e as cotas para conservar os recursos pesqueiros. A confraría de Corme "Dulce Nombre de Jesús" foi fundada no ano 1620.


Praza da Ribeira, 1925

Na zona portuaria pódense ver aos traballadores do mar a case calquera hora do día, ben pola explanada ou ben ás portas das casetas de pescadores. 

A praza da Ribeira, referencia para moitos eventos culturais e sociais que se celebran en Corme, levántase diante do porto. Se pasades por aquí con pouca luz, tede coidado… Cóntase que neste praza había unha fonte na que o demo agardaba ás raparigas que ían na procura da auga para as súas casas…

Adentrándonos xa no entramado urbano, non te podes esquecer de dar un paseo polos antigos barrios de Corme que hoxe son nomes de rúas: O Campo, Fontiña, Xeneral Mourelle, Pondal, Rúa dos Condes, Remedios, Pan,… Aínda se pode ver algún exemplo do antigo caserío de vivendas baixas e fachadas brancas do que sobresae unha galería. Tamén é curioso calexear e atoparse coa curiosa arquitectura dalgunha casa ou nome de calellas como a que hai preto da praza do Pan chamada "Carreixo da Man Peluda".

Ligazóns

  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Ponteceso
© 2012 Ponteceso. Os Camiños do Mar