Do porto de Corme sae unha estrada que prolonga a ruta de sendeirismo Camiño da Ribeira uns 3,5 km máis cara ao cabo Roncudo. A carón do mar, case tocando os cantís co brazo estendido, a pé ou en bici, pódese gozar dunha agreste paisaxe que vai cambiando coa luz do día para transmitirnos sensacións diferentes. Desde aquí hai unhas excelentes vistas da ría de Corme e de Laxe, da vila de Laxe que se atopa xusto enfronte, das terras de Camelle e de Arou (Camariñas), e das puntas que forman os cabos Veo e Tosto.
O camiño acaba ao pé do pequeno faro de paredes brancas igual que as cruces que recordan aos homes e mulleres de mar falecidos nestas augas ferintes. De feito, o nome do cabo vén do “ronco” son das ondas cando baten sen cesar contra estas rochas e contra o illote que hai a só unhas millas, a chamada Pedra do Roncudo na que se faena poucas veces ao ano porque o mar non o permite máis. Estas duras condicións naturais propician que nesta zona medren os máis coñecidos, preciados e saborosos percebes aos que se lle dedica unha multitudinaria festa gastronómica o segundo sábado de xullo. Os mellores crustáceos, segundo din, son pequenos, teñen un ancho non menor de centímetro e medio, cor avermellada, consistencia dura e intenso sabor a mar.
Xunto ao faro, a Cruz do Delmiro e, algo afastadas, as dos Poliños, pai e fillo, lémbranos porque o percebe é caro.
Debaixo da Cruz dos Poliños está a rocha que semella a face dun mariñeiro vasco, evocando a numerosa e case centenaria colonia cormelá en Trintxerpe, barrio de Pasaia, en Guipúzcoa.
Ao ser este un lugar de fácil acceso, e sobre todo no verán, é fácil ver a decenas de turistas mirando hipnotizados cara aos percebeiros de a pé ou de a flote e levando como recordo incontables fotos.
Se o tempo o permite, desde esta punta avístanse cetáceos como o arroaz, o golfiño común ou o caldeirón común e con día claro, a desembocadura do Anllóns.