Lugares, caros lugares,
¿non me conocedes vós?
¿Tan mudado m’atopades
daquel tempo que pasou?
Certo, vós sóde-los mesmos,
mas eu o mesmo non son.
Aquel é o Agro do Dego,
aqueloutro é Murazós;
máis adiante Mularedo,
Canaveas máis aló;
aqueloutras son as Senras,
dos trigos ledos e bos;
a agra de Mares, as Somas,
e a da Bouza máis acó.
Lugares, ¿que fui, lugares,
daquel tempo que pasou?
Prados, fontes e camiños,
¿non me conocedes vós?
Certo vós sóde-los mesmos,
mas, ¡ai!, o mesmo eu non son.
A zona de marisma ou xunqueira da Enseada da Ínsua, coñecida tamén como Agra de Mares, é un importante espazo de vida para particulares especies de plantas e aves. O Malecón, que foi obra de Cesáreo Pondal, irmán do poeta, cara á 1885, represou as xunqueiras permitindo, o cultivo do millo ata os anos 60-70 que, contan, era de gran calidade. Estas terras de Cospindo eran, ademais, o Couto dos monxes brancos ou bernardos (cistercienses) de Sobrado. Nas mouras noites de vendaval, os anguleiros, armados de trueiros, capturan preto deste lugar as crías da anguía, emigradas dende o remoto Mar dos Sargazos.